Youtubeiras+ bate récord con 126 canles e cita a final no Teatro Jofre o 7 de febreiro

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas e volve marcar un fito de participación: un total de 126 canles inscritas e 28 seleccionadas para optar aos sete galardóns. A entrega de premios celebrarase o vindeiro 7 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol, cunha gala de acceso libre ata completar a cabida.
Os premios están impulsados polos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos, polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e pola Deputación da Coruña, que forma parte da organización desde a primeira edición e financia cada ano a gala. Na presentación, a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, puxo en valor a capacidade de Youtubeiras+ para xuntar institucións, entidades e creadoras e creadores arredor da normalización do galego, cunha mirada posta especialmente na mocidade e no ámbito virtual.
Nesta edición premiaranse sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Calidade lingüística, Revelación, Rede e Premio do Público. As dúas primeiras están dotadas con 1.250 euros e o resto con 1.000 euros, ata completar 7.500 euros en premios. Como novidade, incorpórase o galardón ao Mellor Pódcast, unha aposta por un formato en auxe que tamén marcará o deseño do evento, concibido como a gravación en directo dun episodio especial do Pódcast Youtubeiras+. A cerimonia comezará ás 19.00 horas e estará conducida por Carlos Vieito (Exército Mekemeke) e Leila Fernández (O Faiado Pódcast). As entradas poden retirarse de balde en ataquilla.com ou no despacho do Teatro Jofre o propio día da gala.