Yolanda Castaño, premio de poesía da Deputación 2022, presenta a súa obra ‘A falsa autónoma’

A coruñesa libraría Berbiriana foi o escenario da presentación de ‘A falsa autónoma’, a última obra de Yolanda Castaño, que gañou o premio González Garcés de poesía da Deputación no 2022. A deputada de cultura, Natividade González, a propia Yolanda Castaño e o escritor Ismael Ramos participaron no encontro que reuniu a múltiples asistentes interesados no poemario.
A deputada puxo en valor o compromiso da área de cultura co talento e o apoio aos creadores e creadoras, destacando o despunte do ámbito literario actual. "Temos moitas mulleres referentes na poesía e, dende que Yolanda Castaño gañou o premio da Deputación, tivemos un aluvión de orixinais na seguinte convocatoria do Garcés", sinalou. Ademais, Natividade González destacou o "investimento" da entidade provincial na cultura "nestes tempos nos que o debate sobre os fondos públicos se sitúa en escenarios bélicos, é máis importante ca nunca defender a aposta pola cultura como un dereito, como medio para a transformación social e a consecución dunha sociedade máis xusta".
Pola súa banda, o poeta e membro do xurado do González Garcés que premiou a obra de Yolanda Castaño, Ismael Ramos, referiuse a 'A falsa autónoma' como "unha celebración dps 30 anos da traxectoria poética de Castaño". Un libro, que "por motivos moi diversos, reivindica a Yolanda como figura clave. O lugar de Yolanda é moi difícil de disputar porque se por algo se caracterizou sempre é por facer visible o invisible. Ese é o seu gran talento e sígueo facendo sempre con esforzo e cun sorriso entre alegre e sarcástico."
Yolanda Castaño destacou a "honestidade" deste poemario. "Nestas tres décadas, o formal foise simplificando pero o conceptual foi gañando complexidade na miña poesía. O que tiña moi claro con "A falsa autónoma" era que quería falar destes temas tan políticos e sociais, que quería falar de diñeiro pero non dun xeito realista e si dun xeito simbólico e trascendente".
Ademais da honestidade, "o corpo é o que permanece en todos estes anos na miña poética. O que máis me interesa é a consciencia profunda de que escribimos desde un corpo e a exposición dese corpo. Agora pregúntome se ese corpo ten todas as necesidades cubertas e se iso afecta á escrita. Falar do corpo e falar do tempo da nosa vida é falar do mesmo. O tempo é unha mina finita e é unha das grandes traxedias actuais. Iso está en "A falsa autónoma" cunha conciencia de clase profunda", sinalou.
A poeta rematou a súa presentación agradecendo, ademais, o traballo do xurado do González Garcés 2022, que estivo formado polas poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sánchez Aríns, Ismael Ramos e Daniel Asorey, este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez.