XX Congreso Fedalma en A Coruña: Culleredo reivindica a lactación materna como reto de saúde pública

ACoruñaXa
O alcalde José Ramón Rioboo inaugurou a cita organizada pola asociación Alma, coa que o Concello colabora desde hai 16 anos, e avanzou o obxectivo de lograr que Culleredo sexa a primeira cidade amiga da lactación en Galicia
CULLEREDO lactancia
3 Oct 2025

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, abriu hoxe o XX Congreso de Lactación Materna Fedalma, que se celebra os días 3 e 4 de outubro no Teatro Colón de A Coruña e reúne asociacións de toda España integradas na federación. Na súa intervención, Rioboo subliñou a necesidade de recoñecer a lactación materna como un reto de saúde pública e puxo en valor a traxectoria da asociación local Alma, con quen o Concello traballa dende hai 16 anos.

Rioboo explicou que a cooperación municipal coa entidade traducíuse en grupos de asesoramento e apoio mutuo, actividades de educación para a crianza, formación en nutrición infantil e atención personalizada a mulleres embarazadas, nais e pais. “Queremos reafirmar a aposta polo recoñecemento da lactación materna como un reto de saúde pública”, sinalou o alcalde, que destacou tamén que desde o ámbito local se poden acadar grandes metas en materia de benestar e atención á infancia.

Durante o acto, o rexedor avanzou que o Concello de Culleredo está a traballar para acadar a acreditación que declare á localidade como “Cidade amiga da lactación materna”, unha iniciativa que, segundo explicou, serviría para consolidar as políticas de apoio á lactación e mellorar os recursos para as familias. A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, acompañou ao alcalde e amosou o seu orgullo pola colaboración con Alma, describíndoa como unha asociación exemplar que está a dar pasos relevantes na promoción da lactación materna no municipio.

O congreso, que reúne profesionais e colectivos implicados na promoción da lactación, funciona como espazo de intercambio de experiencias e boas prácticas entre organizacións e servizos públicos, e contribúe a visibilizar a importancia do apoio social e sanitario á maternidade e á crianza.

⚙ Configurar cookies
0.17714691162109