Xunta e UDC acordan que a universidade presente en setembro un plan financeiro trianual

A Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña acordaron un novo paso para encamiñar a situación económica da institución académica coruñesa. A UDC comprometeuse a presentar ao longo do mes de setembro un plan de equilibrio financeiro a tres anos co obxectivo de corrixir a súa senda orzamentaria e garantir a súa estabilidade a medio prazo.
Así se decidiu nunha reunión mantida entre os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e de Facenda e Administracións Públicas, Miguel Corgos, co equipo reitoral da UDC. O obxectivo do encontro era avanzar nas medidas que permitan corrixir o desequilibrio financeiro detectado pola propia universidade coa liquidación do exercicio 2023.
A institución deberá elaborar e entregar un plan detallado de ingresos e gastos como paso previo á elaboración dos orzamentos para 2026. Segundo a Xunta, con este acordo “avánzase na procura dunha solución á situación sobrevida de desequilibrio contable” que incumpría os obxectivos previstos para o exercicio económico de 2024.