Xunta e Asociación Bahía Ártabra conmemoran o V centenario da expedición de Loaísa desde A Coruña

ACoruñaXa
A expedición, composta por sete naves e arredor de 450 tripulantes, incluía figuras como Juan Sebastián Elcano
loaisa-expedicion
11 Jul 2025

A Asociación Histórico-Cultural Bahía Ártabra presentou esta semana á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o programa de actividades co que conmemorará en 2025 o V centenario da partida da expedición de García Jofre de Loaísa, unha das grandes fazañas da historia naval española. A emblemática partida tivo lugar o 24 de xullo de 1525 desde o porto da Coruña, rumbo ás Illas das Especias.

Durante a reunión, Do Campo coñeceu de primeira man os detalles da programación que a entidade está a preparar para lembrar este episodio histórico que, tras a primeira circunnavegación de Magallanes e Elcano, buscaba consolidar a presenza española no Pacífico e abrir unha nova ruta cara ao comercio das especias.

A delegada da Xunta puxo en valor esta iniciativa sinalando “o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor da historia marítima e do patrimonio cultural”, ao tempo que felicitou á asociación “polo seu labor de recuperación, divulgación e dinamización da memoria colectiva da cidade e da súa relación co mar”.

Ademais, Do Campo expresou a vontade do Goberno galego de colaborar na difusión do centenario: unha efeméride que representa “unha oportunidade para reforzar a identidade local, promover o turismo cultural e educativo, e poñer en valor o papel da Coruña como porto estratéxico no século XVI”.

A expedición de Loaísa, composta por sete naves e arredor de 450 tripulantes, incluía figuras tan destacadas como Juan Sebastián Elcano, que falecería durante a travesía. O falecemento do navegante será tamén lembrado o 6 de agosto de 2026, coincidindo coa data na que morreu no océano Pacífico.

A Asociación Bahía Ártabra continúa así co seu traballo de divulgación da historia marítima da cidade herculina, sumando esta conmemoración a outras iniciativas de posta en valor do legado náutico da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.16265416145325