Xubilados e pensionistas mobilízanse este mércores nos centros de saúde

LugoXa | TerraChaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Denuncian as dificultades que teñen para seren atendidos polo Sergas
charla-maiores-cig
Charla a maiores por parte da CIG
28 May 2024

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizarase este mércores, 29 de maio, diante de oito centros de saúde para denunciar o "dificultoso camiño das persoas maiores" para seren atendidas na sanidade pública e reclamar máis orzamentos e persoal para garantir a atención integral no Sergas.

As concentracións previstas son en:

  • A Coruña: ás 11h, na Casa do Mar.
  • As Pontes: ás 11h, no Centro de Saúde e manifestación até a Praza do Concello.
  • Compostela: ás 12h, no Centro de Saúde Concepción Arenal.
  • Ferrol: ás 12h, no Centro de Saúde Centro de Saúde Fontenla Maristany.
  • Lugo: ás 11h, no Centro de Saúde Illas Canarias
  • Ourense: ás 11:30h, no Centro de Saúde Novoa Santos.
  • Vilagarcía: ás 11h, no Ambulatorio de San Roque.
  • Vigo: ás 09h, no Centro de Saúde de Coia.

Esta xornada de protestas enmárcase na campaña que o colectivo da CIG puxo en marcha a mediados de abril na defensa dunha sanidade pública de calidade, e para denunciar as políticas de desmantelamento e privatización do goberno da Xunta "que fan que para unha persoa maior sexa cada vez máis difícil ter unha atención digna e áxil dos seus problemas de saúde".

No marco desta iniciativa, o colectivo xa realizou repartos e charlas informativas en diferentes cidades e vilas do país. Ademais, ás concentracións do día 29 seguiranlle novas mobilizacións o día 12 de xuño diante dos hospitais de referencia, e para o 20 de xuño teñen prevista unha concentración nacional en Compostela diante do Sergas.

Subliñan que ao deterioro na atención sanitaria hai que sumarlle outros moitos obstáculos como o propio acceso ao sistema de saúde. “Para moitas persoas maiores acadar cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da app ou da páxina web do Sergas, supón unha dificultade engadida”, lamentan.

Xunto a isto, denuncian a “terríbel” situación da Atención Primaria, con listas de agarda para primeira consulta de até 15 días, ou os problemas para conseguir unha consulta nunha especialidade médica. A este respecto, o colectivo afirma que as listas de agarda para atención especializada, probas diagnósticas como radioloxía ou colonoscopias, ou as intervencións cirúrxicas, "son moito máis altas que as que publica o Sergas”.

Advirten que cando unha persoa maior ten que agardar meses, e incluso anos, por unha proba ou por unha operación “non só empeora a súa situación de base senón que, ademais, deixa de ter unha existencia activa e normal, algo que en moitos casos acurta esperanza de vida”.

Por iso, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG exíxelle á Xunta de Galiza a reversión das privatizacións e o reforzamento dos orzamentos destinados á sanidade pública, mellorando a carteira de servizos, sobre todo na Atención Primaria, e incrementando o persoal necesario para que a atención sanitaria na Galiza "sexa acorde co mantemento dunha vida digna e activa e coa prevención da dependencia nas persoas maiores".


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17585611343384