Xosé Luís Penas pide manter vivo o legado de Castelao máis alá do Ano Castelao

ACoruñaXa
O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña reivindicou no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres a Castelao como ‘o noso primeiro presidente’ nun acto da Fundación Castelao, que celebrou o seu 41.º aniversario cunha ofrenda musical
DEPUTACION CORUÑA castelao
29 Dec 2025

A Deputación da Coruña participou no acto de clausura do Ano Castelao celebrado no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A cita, concibida como unha ofrenda musical, estivo organizada pola Fundación Castelao, que cumpriu xusto ese día o seu 41.º aniversario, e contou co apoio da institución provincial.

No encontro estiveron presentes o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ademais doutras autoridades. A representación da Deputación correu a cargo do deputado responsábel de Patrimonio, Xosé Luís Penas.

Durante a súa intervención, Penas subliñou que as homenaxes a Castelao non deben quedar reducidas a unha efeméride puntual. Ao seu xuízo, a figura do rianxeiro debe seguir presente ‘no noso día a día’, porque é ‘o referente que todo país precisa’. O deputado advertiu tamén da importancia de situar en primeiro plano referentes sólidos nun contexto social no que, segundo apuntou, medran a desinformación e a ausencia de ideais compartidos.

Penas lembrou que a conmemoración do 75.º aniversario do pasamento de Castelao propiciou ao longo do ano un amplo programa de actos dentro e fóra de Galiza, iniciativas que serviron para poñer en valor unha figura que cualificou de ‘esencial’ para entender a identidade, a historia e a dimensión política do país. Nesa mesma liña, defendeu que as institucións públicas teñen a responsabilidade de impulsar referentes que actúen como guía colectiva.

A clausura incorporou un ‘diálogo’ simbólico entre a palabra e a música, con un recital a cargo do violinista Anxo Gómez Piñeiro, acompañado ao piano por Haruna Takebe. O programa combinou composicións de Johann Sebastian Bach, Ludwig van Beethoven, Pablo de Sarasate e Manuel Quiroga, xunto coa peza tradicional galega ‘Foliada de Negreira’.

O deputado pechou a súa participación agradecendo o labor da Fundación Castelao e das persoas e entidades implicadas nas actividades do ano, e remarcou que ‘a grandeza dun pobo mídese polo coidado, a protección e a posta en valor do que é seu: do seu patrimonio, da súa lingua e das persoas que fixeron posíbel, coa súa loita, que hoxe esteamos aquí’.

⚙ Configurar cookies
0.084028959274292