Xosé Cobas presenta en Betanzos o seu libro máis íntimo, 'Soño dunha sombra'

A libraría Biblos de Betanzos acolle este venres 16 de xaneiro, a partir das 19.30 horas, a presentación de 'Soño dunha sombra', a primeira obra en solitario de Xosé Cobas tras case corenta anos de traxectoria poñendo imaxes a textos alleos. O encontro está concibido como unha conversa aberta coas lectoras e lectores e contará coa participación de Xesús Fraga, que acompañará ao autor na análise das claves dun libro editado por Kalandraka.
'Soño dunha sombra' preséntase como un álbum visual que propón unha viaxe dende a escuridade cara á luz, guiando a mirada ao interior dunha casa antiga e silenciosa na que unha pega aparece como fío condutor entre estancias e atmosferas. O volume incorpora un epílogo de Manuel Rivas que engade unha lectura reflexiva arredor da pintura, a literatura e unha idea existencial do paso do tempo.
A obra destaca pola súa construción narrativa a base de cambios de perspectiva e planos moi coidados, e tamén pola aposta técnica: Cobas, cunha traxectoria vencellada á pintura, traballa con óleo sobre cartolina imprimada, unha elección pouco habitual na ilustración contemporánea. O libro é, ademais, resultado dun proceso prolongado de creación no que o autor foi sumando influencias e referencias artísticas e literarias de longa pegada.
Con máis de douscentos títulos no seu currículo, Xosé Cobas desenvolveu unha carreira recoñecida no eido da ilustración e das artes visuais, con exposicións en distintos países e premios como o Gourmand World Cookbook, o Fetén, o Isaac Díaz Pardo e o Neira Vilas, ademais de figurar en seleccións internacionais como The White Ravens.