Xoel López recibe a súa figura do Belén Municipal da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu este mércores ao músico coruñés Xoel López, a quen lle entregou a figura que protagonizará este ano o Belén Municipal, que formará parte da colección de personalidades que adornan o nacemento de María Pita a partir do venres 12 de decembro. Acompañado polos seus pais, o artista asinou no libro de ouro do Concello e ofreceu unha pequena actuación no Palacio Municipal de María Pita.
‘Xoel López é importante non só pola transcendencia das súas cancións, auténticos himnos do pop nacional, senón pola sintonía e conexión que teñen as súas letras coa Coruña’, destacou a alcaldesa, que puxo en valor a traxectoria do músico coruñés, que o levou a actuar nos escenarios máis importantes da cidade, como o estadio municipal de Riazor, a praia de Riazor, a praza de María Pita, o Coliseum e diversos espazos culturais.
O Belén Municipal abrirá as súas portas na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita o venres 12 de decembro. O horario xeral será de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, aínda que haberá horarios especiais en datas sinaladas: o 24 de decembro só pola mañá, o 25 de decembro só pola tarde, o 31 de decembro só pola mañá, o 1 de xaneiro só pola tarde, o 5 de xaneiro só pola mañá e o 6 de xaneiro só pola tarde.