Arteixo acolle o Concurso de Música Tradicional de Pandeireteiras e Pandeireteiros

O Concurso de Música Tradicional de Pandeireteiras e Pandeireteiros da Asociación Xuvenil Xiradela celebra este domingo 27 de abril unha edición moi especial: o seu 25 aniversario. O evento terá lugar no Auditorio do Paseo Fluvial de Arteixo e contará cunha imaxe promocional que xa está a dar que falar, da man da artista coruñesa Alba Pose.
Esta edición conmemorativa aposta por poñer en valor a tradición desde unha óptica contemporánea. Alba Pose, artista transmedia nada na Coruña no 2000, foi a encargada de crear o cartel do evento. A autora empregou o bordado como elemento central, combinándoo cunha fotografía en branco e negro da pandeireteira Eva Castiñeira, captada por Pablo Quintana. “Quixen tirar do fío do tradicional sen caer na iconografía clásica do traxe galego”, explica a artista. O resultado é unha peza chea de textura, cor e reinterpretacións visuais da tradición galega.
Alba Pose, que se formou en Comunicación Audiovisual na USC e completou un Máster en escenografía e dirección de arte en Barcelona, conta cunha ampla traxectoria que inclúe traballos para a Fundación Marta Ortega ou a cantante Fransy. O seu estilo naif e multidisciplinar encaixa á perfección coa filosofía do certame: abrir camiños entre o legado cultural e a creatividade actual.
Organizado pola Asociación Xuvenil Xiradela, o concurso naceu no ano 2000 co obxectivo de dar visibilidade ao traballo das escolas de música tradicional e crear espazos de encontro para a mocidade que se forma neste eido. A entidade leva desde 1982 traballando pola recuperación do folclore galego, coa posta en marcha de actividades como o baile, a pandeireta, o canto tradicional, a gaita ou a percusión.
Desde a creación dun grupo de investigación en 1984 ata a celebración anual do Día da Muiñeira, Xiradela converteuse nun referente cultural no concello de Arteixo. A colaboración co Concello fai posible que cada ano centos de rapazas e rapaces se acheguen á nosa tradición, aprendan dela e lle dean continuidade.
Este 25 aniversario do Concurso de Música Tradicional será, sen dúbida, unha nova mostra do compromiso de Xiradela coa cultura viva, accesible e feita desde e para a mocidade galega.