Xiana Seijo impónse en O Porriño e mantén o liderado da Copa de Galicia de ciclocrós

ACoruñaXa
O BTT Caimanes Betanzos completa unha esixente proba chea de barro cun triunfo en júnior feminino nun circuíto moi físico
BETANZOS ciclocross porriño
18 Nov 2025

A betanceira Xiana Seijo, do BTT Caimanes Betanzos, volveu vencer na Copa de Galicia de ciclocrós ao imporse con autoridade na categoría júnior feminina na proba disputada en O Porriño, organizada pola Grupeta Pan de Zarko. A corredora mantén así o maillot de líder do certame autonómico.

O circuíto, estreado nesta edición, presentouse moi físico, con moito barro, tramos sen descanso e zonas que obrigaban a medir cada trazada, unha combinación que puxo a proba a cabeza, as pernas e a técnica do pelotón. Seijo soubo adaptarse mellor ca ninguén a estas condicións, marcando o ritmo dende o inicio e xestionando con solvencia as zonas máis pesadas, fiel ao estilo de ciclocrós máis clásico.

No podio acompañárona Alba Gregores López, do Lynalfa–CC Ponteareas, que finalizou en segunda posición, e Alba Cochón Justo, do Poio Bike Club, que rematou terceira. A combinación destes resultados permite a Xiana afianzar a súa vantaxe á fronte da clasificación xeral da Copa de Galicia júnior feminina.

Desde o BTT Caimanes Betanzos salientaron o carácter competitivo e a madurez de Xiana Seijo nunha disciplina tan esixente como o ciclocrós, ao tempo que puxeron en valor o ambiente de compañeirismo no equipo, no que tamén seguen a progresar ciclistas como Daniela Domínguez e Simón Corral, ambos cun sexto posto nas súas categorías na mesma xornada.

⚙ Configurar cookies
0.070956945419312