Xiana Pérez Brión brilla no Galego de base en Ourense e o Halterofilia Cambre apunta futuro coas e cos benxamíns

O Polideportivo de Oira, en Ourense, acolleu o Campionato de Galicia de base feminino e masculino, unha cita clave no calendario autonómico da halterofilia. Ata alí desprazouse o Club Halterofilia Cambre, que regresou cun balance moi destacado encabezado por Xiana Pérez Brión, de 17 anos, e completado pola magnífica actuación do grupo benxamín de técnica.
Xiana Pérez, unha das grandes promesas da halterofilia galega e estatal, competiu na categoría de menos 69 quilos. Na modalidade de arrancada superou con solvencia os 64 quilos no primeiro intento e tentou despois 67 quilos, marca que non puido validar nos dous ensaios seguintes. Nos dous tempos asinou unha exhibición de solvencia e progresión, levantando 78, 81 e 84 quilos en tres intentos perfectos, pechando así unha competición de alto nivel.
Os resultados confirmárona como campiona de Galicia sub17 na categoría de menos 69 quilos, ademais de obter a mellor marca feminina sub17 de todo o campionato. Na categoría sub20 volveu subir ao podio, desta volta co subcampionato galego, e acadou tamén a segunda mellor marca feminina sub20 da competición, reforzando o seu papel como referencia da canteira do Halterofilia Cambre.
A boa nova completouse na categoría benxamín de técnica, reservada para deportistas de ata 10 anos, na que o club cambrés presentou tres representantes que asinaron unha actuación brillante. Alexandra Alonso Pérez, de 8 anos, levantou 8 quilos en arrancada e 10 quilos en dous tempos. A súa irmá Gabriela Alonso Pérez, de 9 anos, fixo 13 quilos en arrancada e 16 en dous tempos. Pola súa banda, Ian Rodríguez Couso, tamén de 9 anos, completou unha serie moi sólida con 15 quilos en arrancada e 18 quilos en dous tempos.
Desde o club salientan que as e os benxamíns estiveron á altura da ocasión, cunha posta en escena moi correcta sobre a tarima e deixando ao público asistente marabillado polo seu dominio técnico malia a súa curta idade. A entidade felicitou publicamente as campionas e o campión e subliñou que resultados como estes son un estímulo para continuar co traballo diario na sala de adestramento.
O Halterofilia Cambre insiste en que este Campionato de Galicia de base é unha parada fundamental na formación deportiva das súas levantadoras e levantadores, xa que permite acumular experiencia en competición oficial e consolidar a potente xeración de talento que está a situar o club entre os máis destacados do panorama galego.