Xavier Rodríguez proclámase campión de España absoluto co Club Halterofilia Cambre

O Club Halterofilia Cambre regresou do Campionato de España Absoluto de Halterofilia cun novo éxito deportivo baixo o brazo. O evento, celebrado esta fin de semana no Club Natación Helios de Zaragoza, reuniu un total de 172 deportistas —79 homes e 93 mulleres— procedentes de todo o Estado, que lograron previamente as esixentes marcas mínimas para acceder á competición, endurecidas con respecto a edicións anteriores.
A entidade cambrense contou con dous representantes na cita nacional: Javier Rodríguez Moreno e Noelia Bacariza Moreno, ambos cun papel destacado nas súas respectivas categorías.
Na categoría de máis de 110 quilos, Javier Rodríguez fixo historia ao revalidar, por terceiro ano consecutivo, o título de campión de España absoluto. O halterófilo dominou con autoridade as tres probas da competición: levantou 140 quilos na modalidade de arrancada, 175 quilos nos dous tempos e acadou un total olímpico de 315 quilos, logrando a medalla de ouro en cada unha delas.
“Javier é o terceiro ano consecutivo que consegue o título de Campión de España absoluto”, destacou o club, subliñando o excelente nivel e a constancia do deportista cambrés na elite nacional.
Tamén destacou a participación de Noelia Bacariza Moreno, que debutou nun campionato de España absoluto nunha das categorías máis competidas, a de menos de 69 quilos. Noelia asinou unha actuación moi destacada: foi quinta na modalidade de arrancada con 80 quilos levantados, novena nos dous tempos con 93 quilos, e rematou sexta na clasificación final cun total olímpico de 173 quilos.
“Noelia, no seu debut nun Campionato de España, é 6ª, grandísima clasificación nunha das categorías de máis nivel”, valoraron desde o Club Halterofilia Cambre, visiblemente satisfeitos co rendemento dos seus dous representantes.