Xa se coñecen as bases de dez certames á creación literaria, artística e musical da Deputación

ACoruñaXa
Poderán presentar obras do 10 de febreiro ao 10 de abril en todos os premios agás o Luís Ksado
premios-dep
4 Feb 2025

Revélanse as bases de dez dos certames á creación literaria, artística e musical que a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca cada ano. Trátase do XX Premio Castelao de banda deseñada, o XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, o XV Premio Manuel Murguía de ensaio, o XIX Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o XXXVII Premio Internacional Torrente Ballester de narrativa —tanto en lingua galega coma en lingua castelá—, o XIX Certame de arte Isaac Díaz Pardo, o XIX Premio internacional Luís Ksado de fotografía, o XXII Premio Rafael Dieste de textos teatrais, o XVII Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais e o IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero.

Suman unha dotación de 109.000 euros e o prazo de presentación de obras estará aberto do 10 de febreiro ao 10 de abril en todos os premios agás o Luís Ksado, que admitirá coleccións ata o 30 de maio. “Con esta convocatoria”, valorou a deputada de Cultura, Natividade González, “renovamos o apoio á creación recoñecemos non só o talento individual, senón obras que impulsan o desenvolvemento cultural e artístico do país”. “Un talento”, engadiu, “que está máis que demostrado, pero que queremos seguir incentivando con estes certames que representan unha excelente plataforma para que artistas e creadores e creadoras emerxentes teñan recoñecemento e apoio”.

González destacou tamén a calidade das obras galardoas en cada edición, “que sitúan os premios de Cultura da Deputación da Coruña entre os máis importantes do Estado e, por riba de todo, enriquecen o panorama da creación provincial e galega cun grande impacto pois promoven a innovación, a expresión creativa e o intercambio cultural”. Tamén se referiu ao importante investimento económico que fai o seu departamento na convocatoria dos certames, “acorde coa súa transcendencia”.

OS PREMIOS

O XX Premio Castelao de banda deseñada outorgará dous premios, dotados con 6500 euros para cada unha das modalidades: xeral (obras dirixidas a todo tipo de lectores) e LIX (obras dirixidas especificamente ao público infantil e xuvenil). A Deputación publicará as obras premiadas.

O XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica concederá un primeiro premio, dotado con 6500 euros e unha exposición na Fundación CIEC, e dous accésits que lle custearán aos gañadores cadansúa bolsa de matrícula nun módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC. As obras premiadas quedarán en propiedade da Deputación da Coruña e serán incluídas, a canda outras non premiadas ata un máximo de 30, nunha exposición que se inaugurará na Fundación CIEC e que logo chegará a outros concellos da provincia.

No XV Premio Manuel Murguía de ensaio establécese un premio único de 6500 euros. A Deputación publicará a obra premiada. O XIX Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil concederá dous premios, dotados con 6500 euros para cada unha das modalidades: infantil (obras para público lector infantil) e xuvenil (obras para público lector xuvenil). A Deputación publicará as obras premiadas.

O XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega e en lingua castelá outorgará un premio único de 15 000 euros en cada modalidade. A Deputación publicará as obras premiadas. No XIX Premio Luís Ksado de creación fotográfica establécese un premio único de 6500 euros. O xurado realizará unha selección entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición itinerante por municipios da provincia. Cada persoa cuxa obra resulte seleccionada recibirá 500 euros.

O XIX Certame de arte Isaac Díaz Pardo concederá un premio único dotado con 6.500 euros e ademais adquirirase obra por un importe máximo total de 25 000 euros. A Deputación realizará unha exposición itinerante por concellos da provincia coa obra gañadora mais as adquiridas e as seleccionadas polo xurado, ata un máximo de 20 pezas.

No XXII Premio Rafael Dieste de textos teatrais establécese un premio único de 6500 euros. A Deputación publicará a obra premiada e poderá decidir financiar a súa posta en escena por parte dunha compañía teatral galega, cunha achega máxima de 70.000 euros.

O XVII Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais concederá tres premios: o primeiro, de 4000 euros; o segundo, de 2000 euros, e o terceiro, de 1500 euros. Decidiranse nunha gala que se celebrará o 2 de novembro de 2025, na que os tres grupos ou artistas seleccionados polo xurado de todos os aspirantes interpretarán en directo cancións das maquetas que presentasen ao certame, actuación pola que recibirán 300 euros.

No IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero establécense dous premios, dotados con 6500 euros para cada unha das modalidades: traxectoria, que recoñecer persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura; e Iniciativa, para premiar iniciativas ou proxectos culturais que incorporen unha perspectiva feminista en todas as actividades e servizos derivados.

0.15896701812744