Xa hai coidador no CEIP Vicente Otero Valcárcel tras a presión da comunidade educativa

O CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel conta xa coa persoa coidadora solicitada. Trátase dun recurso reclamado nas últimas semanas pola ANPA Ana Lastra López e polo conxunto da comunidade educativa, petición á que se sumaron o alcade, José Luis Fernández Mouriño, e as distintas formacións políticas de Carral. A incorporación, confirmada pola ANPA, pon fin a un período de mobilizacións e xestións no que as familias demandaron garantías para que o alumnado puidese asistir á escola en condicións dignas.
O colectivo de nais e pais agradeceu o apoio recibido e celebrou que se restituíse un dereito básico de atención á diversidade, ao tempo que advertiu de que noutros colexios de Galicia persisten carencias semellantes. A ANPA insta á Administración a planificar e estabilizar os recursos para evitar novas demoras e asegurar unha escolarización inclusiva en todo o sistema.