Whigfield e Choriza May súmanse ao Atlantic Pride 2026

O Atlantic Pride engade dous novos nomes ao seu cartel de 2026: Whigfield actuará o xoves 9 de xullo e Choriza May subirá ao escenario o sábado 11, segundo avanzou a organización do evento.
A sétima edición do festival, coñecido como o 'Orgullo do Norte', desenvolverase do 5 ao 12 de xullo na cidade herculina e manterá como espazo central os Xardíns de Méndez Núñez. A cita chega despois de consolidarse en 2025 cunha asistencia próxima ás 45.000 persoas, reforzando a súa posición como un dos 'orgullos' musicais máis destacados do inicio do verán na Península.
No plano artístico, a organización destaca o perfil festivo e noventeiro de Whigfield, popular polo éxito 'Saturday Night', mentres que Choriza May achegará ao festival unha proposta drag marcada polo humor e a estética pop. Ademais, o Atlantic Pride lembra que no cartel de 2026 xa estaba confirmada a actuación de Miriam Rodríguez.
Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO), o festival mantén o seu carácter gratuíto e inclusivo, cun programa no que tamén adoitan ter presenza sesións de dj, actuacións drag e iniciativas culturais como o certame literario LGTBIQ+. A cita conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña, e patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.