Volven os Sábados Miúdos a Betanzos con 'Badá-bebé' e 'Consertasso' para os máis cativos

ACoruñaXa
O evento consiste en diversos espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas, danza, xogos, música e lingua para desfrutar en familia
Cartel Sábados Miúdos en Betanzos
15 Feb 2024

O vindeiro sábado 24 de febreiro volven os Sábados Miúdos a Betanzos co espectáculo para bebés 'Babá-bebé' da man da compañía de teatro Xanela do Maxín que terá lugar na Sala de Usos Múltiples do Edificio Arquivo ás 12.00 horas da mañá.

O espectáculo está destinado a nenos e nenas de ata 3 anos e as súas familias e ten unha duración de 35 minutos. A actividade conta con 20 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañados de ata dúas persoas adultas.

O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto na páxina web do Concello desde o luns 19 de febreiro ás 10.00 horas e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición. Para máis información  pódese acudir ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, chamando ao teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.

Os Sábados Miúdos volven neste ano 2024 con diversos espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas, danza, xogos, música e lingua para desfrutar en familia. A próxima actuación será por conta de Brais das Hortas co seu 'Consertasso' o sábado 16 de marzo na Aula de Cultura Xulio Cuns.

Sobre 'Babá-bebé'

Babá-Bebé é unha obra de pequeno formato moi estimulante. na que bebés e familias se mergullan nun espazo acolledor, seguro e propicio para desfrutar do paso das estacións, que se inicia nunha primavera na que podemos observar e sentir o reino vexetal que comeza a medrar e un osiño que esperta, para despois pasar polo verán coa súa calidez e un mar que nos abraza, o ocre do outono e finalmente o frío inverno, onde o noso osiño se bota a durmir, descansando de todos os xogos e brincadeiras.

Celtia Figueiras e Topo Vidal, como intérpretes solistas, fan desta obra unha auténtica delicia para os sentidos dun xeito delicado, amable e perfectamente adecuado ás necesidades sensoriais da primeira infancia.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18287205696106