Volve 'A noite europea das persoas investigadoras' na Coruña

A Noite Europea das Persoas Investigadoras celebrarase de forma simultánea en máis de 400 cidades e, na Coruña, chega da man da UDC xunto co CICA, CITEEC, CITENI e CITIC, entre outras entidades. A xornada terá programación de mañá e de tarde e é de acceso libre ata completar aforo.
O máis relevante: na ETS de Náutica e Máquinas (Riazor) haberá demostracións con simulador de buque e ROVs; na DOMUS, ás 12.00, o INIBIC ofrecerá obradoiros para escolares; no Campus de Elviña, visitas ao CITEEC de 12.00 a 13.30 e roteiro polo Laboratorio de Hidráulica ás 17.00 e 18.00, ademais de percorridos polo CITIC entre 10.00 e 12.30 para ver proxectos de IA, realidade virtual e robótica. Pola tarde, de 18.00 a 21.00, o MUNCYT acollerá talleres de ciencia aplicada; na Dársena da Mariña haberá obradoiros familiares e unha haima de charlas divulgativas; e no Árnica Bar celebraranse relatorios para público adulto. Todas as actividades son presenciais e gratuítas.