Voluntariado para retirar lixo mariño na Praia Grande, en Sada, o luns 16

ACoruñaXa
A xornada será de 10.30 a 13.00 horas, é gratuíta e con prazas limitadas, dentro do programa ‘Coñece o teu litoral’ impulsado por GN Hábitat
SADA litoral
13 Feb 2026

A Praia Grande (Sada) acollerá o vindeiro luns 16 de febreiro unha xornada de voluntariado centrada na retirada de lixo mariño acumulado tras os temporais do inverno. A iniciativa, prevista de 10.30 a 13.00 horas, busca retirar restos como plásticos, cordas, envases e outros desperdicios que chegan á costa arrastrados polo vento e as correntes, e que supoñen un impacto directo sobre os ecosistemas do litoral.

A actividade está aberta a todos os públicos e non ten custo, pero require inscrición previa a través dun formulario en liña e a confirmación posterior por correo electrónico, xa que as prazas son limitadas e seguirase a orde de rexistro. As persoas participantes confirmadas contarán con seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Ademais da recollida, a organización apunta que a mañá servirá tamén para reflexionar sobre o problema do lixo no mar e para observar a biodiversidade que apareza no areal.

A convocatoria enmárcase no proxecto ‘Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025’, co que o Grupo Naturalista Hábitat promove accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e sensibilización cidadá. O programa está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) da Unión Europea (70%) e pola Xunta de Galicia (30%), cunha contía total de 50.103,49 euros.

⚙ Configurar cookies
0.07911205291748