‘Virando o rosa’ leva á sala Salvador de Madariaga un relato fotográfico sobre o cancro contado en primeira persoa

A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga abrirá este xoves, 5 de marzo, ás 18.00 horas a exposición ‘Virando o rosa’, da fotógrafa documental Diana Fajardo Rama. Trátase dun proxecto recoñecido na VII edición dos Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña e que propón unha aproximación á realidade do cancro en mulleres desde unha perspectiva de xénero, poñendo no centro as vivencias e os procesos persoais das protagonistas.
A iniciativa artéllase arredor de tres piares: unha mostra fotográfica, un libro gráfico e relatorios nas presentacións públicas nos que participan as propias mulleres implicadas. O traballo parte de entrevistas realizadas a máis de 30 mulleres da provincia da Coruña, das que xorde tamén unha proposta audiovisual cos seus relatos. Na parte visual, a exposición reúne retratos das participantes en diferentes momentos, ligados á forma na que cada unha viviu a enfermidade.
Diana Fajardo conta con máis de 20 anos de traxectoria na fotografía documental, con 12 anos dedicados ao seu proxecto persoal. Parte da súa obra pode verse de maneira permanente na Domus da Coruña. Ademais, compaxina o labor creativo coa docencia, unha faceta que desenvolve desde hai unha década na súa propia escola de fotografía, cunha formación baseada nun enfoque feminista. Na actualidade, traballa nunha nova exposición individual de carácter etnográfico, centrada en costumes de Galicia.