‘Virando o rosa’ abre unha mirada feminista e en primeira persoa ao cancro de mama

A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga abriu as portas a ‘Virando o rosa’, unha exposición fotográfica da documentalista Diana Fajardo que coloca no centro as vivencias de mulleres diagnosticadas de cancro de mama e cuestiona os estereotipos que adoitan acompañar esta enfermidade desde unha perspectiva de xénero.
A inauguración contou coa presenza da alcaldesa, Inés Rey, xunto coa deputada provincial Avia Veira, xa que a Deputación da Coruña concedeu o VII Premio Luísa Villalta a Proxectos pola Igualdade a Diana Fajardo e Dolores Vázquez, responsables da iniciativa. No acto participou tamén Concepción Gómez Ruso (Conchi), unha das mulleres que forman parte do proxecto.
Durante a apertura, Rey definiu a mostra como ‘unha invitación a mirar doutro xeito’ e a revisar a maneira na que socialmente se fala do cancro de mama, poñendo o foco na importancia de escoitar ás propias protagonistas. A alcaldesa salientou tamén o papel da cultura como ferramenta de transformación social e a relevancia da ollada feminista na creación artística, ao entender que serve para nomear e facer visible o que durante moito tempo quedou nas marxes.
‘Virando o rosa’ nace dun proceso de investigación e entrevistas a máis de trinta mulleres da provincia da Coruña e artéllase a través de retratos e testemuños que percorren diferentes momentos e formas de afrontar a enfermidade. O proxecto complétase cun libro gráfico e encontros públicos nos que participan as protagonistas.