Viós celebra as Candeas cun percorrido para reivindicar a tradición da matanza e do chourizo


A parroquia de Viós, en Abegondo, conmemorará o domingo 1 de febreiro a festividade das Candeas cunha proposta pensada para poñer en valor a cultura popular arredor da matanza e a elaboración tradicional do chourizo. O Concello presentou a cita como unha ‘viaxe do monte á lareira’ que busca homenaxear estes oficios e costumes vencellados á vida no rural.
O roteiro, bautizado como ‘Ruta do Chourizo’, arrancará no IES Viós e contará con cinco paradas ao longo do percorrido. Segundo a información difundida, as estacións serán a mesa da matanza e as tripas, a preparación da zorza, o afumado, o regueiro Dorta e a casa do Xastre. A organización anima á veciñanza e ás persoas visitantes a sumarse a este camiño simbólico para revivir unha tradición que forma parte da identidade da parroquia.