Viñetas desde o Atlántico 2025 celebrará unha nova edición con Castelao como protagonista

O festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico 2025 celebrarase na Coruña do 11 ao 17 de agosto, coincidindo coas Festas de María Pita. O Concello da Coruña traballa xa na organización dun evento que, ano tras ano, converte a cidade nun referente mundial do cómic, reunindo ás mellores editoriais e autores do sector.
“O novo impulso dado pola nosa alcaldesa a este evento posicióanos como o epicentro da banda deseñada durante o mes de agosto, unha mostra máis do liderado da Coruña a nivel cultural”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O festival, organizado polo Concello da Coruña e dirixido polo autor e editor Manel Cráneo, estará presente na próxima edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de abril. Durante este evento, presentarase o cartel oficial da edición, realizado por un autor cuxa identidade se desvelará nesas mesmas datas.
Este ano, o festival renderá unha homenaxe especial a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento. O político, escritor e debuxante será unha das figuras centrais da programación, e a súa obra estará presente no cartel oficial.
“A figura de Castelao transcende en moitos sentidos a literatura e a política galega, deixándonos unha forte impronta cos seus debuxos e gravados, que recuperaremos esta edición cunha programación especial coma homenaxe”, indicou Gonzalo Castro.
Viñetas desde o Atlántico reafirma así o seu compromiso coa difusión da banda deseñada e coa posta en valor do legado cultural galego, consolidando á Coruña como capital do cómic durante o mes de agosto.