Vilasantar e os concellos da contorna súmanse ás protestas por Losán e esixe o pago inmediato das nóminas pendentes

ACoruñaXa
Representantes municipais participaron na mobilización entre Vilasantar e Curtis e reclaman un plan que garanta a continuidade produtiva do grupo
VILASANTAR alcalde manifa losan
16 Jan 2026

O Concello de Vilasantar participou na mobilización convocada polo persoal de Losán e Aserpal para reclamar solucións ante a crise do grupo madeireiro e os impagos salariais. A marcha, con saída desde as instalacións de Aserpal en Vilasantar e chegada a Industrias Losán en Curtis, sumouse ás accións impulsadas polos comités e sindicatos para esixir o abono das cantidades adebedadas e un plan de viabilidade para manter a actividade nas plantas da comarca.

Desde o Goberno local vilasantarés, o Concello trasladou o seu apoio á plantilla e reclamou o pagamento inmediato dos salarios pendentes, xunto coa reactivación financeira e produtiva. A administración municipal tamén instou á empresa a explorar novas vías para asegurar a continuidade industrial, apostando pola diversificación de produtos derivados da madeira, incluídas liñas vinculadas a renovables ou biomasa, e por fórmulas de colaboración con outras compañías do sector forestal para crear sinerxías.

O executivo municipal defendeu ademais a necesidade de impulsar a formación das persoas traballadoras en novas tecnoloxías e procesos industriais para mellorar a competitividade. Segundo indicou o Concello, Losán conta con 15 veciños e veciñas de Vilasantar no seu cadro de persoal, polo que advertiu de que un peche tería un impacto directo no municipio.

A mobilización contou tamén cun respaldo institucional máis amplo. Outras alcaldías da contorna tamén reclamaron un plan de rescate para asegurar emprego e actividade industrial no rural, nun contexto no que o conflito afecta a centos de familias, especialmente nas plantas de Curtis e Vilasantar.

⚙ Configurar cookies
0.093415975570679