Vilasantar rende homenaxe aos maiores cunha xornada de convivencia, música e talento local

O Concello de Vilasantar celebrou a súa tradicional Festa dos Maiores, unha xornada dedicada a recoñecer e agradecer a traxectoria vital e o papel fundamental da veciñanza maior de 60 anos. O evento reuniu preto de douscentas persoas no pavillón de Présaras, nun ambiente festivo marcado pola emoción, a boa comida e a música en directo.
A celebración deu comezo cunha misa solemne na igrexa parroquial de Présaras, antes de trasladarse ao polideportivo municipal, onde tivo lugar o xantar. A comida, gratuíta para as persoas empadroadas, contou cun menú que combinou tradición e sabor: empanada de bonito, polbo á feira, xarrete de tenreira galega e sobremesa caseira.
A animación correu a cargo do grupo musical Os Trasnos, que puxeron banda sonora á reunión cun repertorio festivo e popular que animou aos asistentes a compartir cantos e conversas.
Como parte do recoñecemento institucional, o Concello fixo entrega de dous agasallos a cada persoa participante: por unha banda, un prato ornamental feito e pintado a man pola artesá Mónica Coto, con deseños únicos e personalizados; por outra, unha carteira de coiro elaborada de forma artesanal por Celsa Gómez, veciña do municipio e profesora de costura e patchwork en Vilasantar.
Durante o acto, o alcalde, Fernando Fernández Pérez, agradeceu a participación e puxo en valor a importancia da xente maior no tecido social do municipio. Ademais, quixo destacar “o apoio ao talento feminino do Concello de Vilasantar”, facendo fincapé na labor de Celsa Gómez e Mónica Coto como exemplo de creatividade e compromiso coa comunidade.