Vilasantar recibe múltiples apoios da Xunta para reforzar servizos municipais, emprego e igualdade

ACoruñaXa
O alcalde, Fernando Pérez, reuniuse coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo
vilasantar-xunta
20 Jun 2025

O alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, mantivo un encontro de traballo coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, no que repasaron os diferentes proxectos e liñas de apoio comprometidas polo Goberno galego para o municipio ao longo deste ano.

Durante a reunión, abordouse o respaldo da Xunta á agrupación de Protección Civil local, así como ao Servizo de Vixilancia e Salvamento, que garante a presenza dun socorrista no concello. Estas actuacións enmárcanse no compromiso da administración autonómica coa seguridade e benestar da veciñanza.

No eido do emprego, Vilasantar conta cun traballador municipal financiado a través do programa Aprol Rural, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta medida busca reforzar a prestación de servizos no ámbito local.

Belén do Campo tamén fixo referencia ás achegas para a prevención e defensa contra incendios forestais, xestionadas pola Consellería do Medio Rural, así como ao apoio da Xunta para a adquisición de equipamento de protección ambiental, en colaboración cos concellos de Mesía e Sobrado.

En materia de promoción turística, destacou o convenio coa Axencia Galega de Turismo que permitirá renovar o acabado exterior das fachadas da Casa do Concello, unha actuación que mellorará a imaxe institucional e o atractivo do edificio para visitantes e veciños.

A igualdade tamén estivo presente no encontro, coa mención ás partidas aprobadas para o desenvolvemento de accións enmarcadas no Plan Corresponsables e outras iniciativas para fomentar a igualdade de xénero e combater a violencia machista. Ademais, fíxose fincapé na axuda destinada ao mantemento do Centro de Información á Muller (CIM) que Vilasantar comparte cos municipios de Curtis e Sobrado.

Ao remate da xuntanza, tamén se repasaron outras necesidades locais. A delegada territorial salientou a relevancia deste tipo de encontros para manter unha comunicación fluída cos concellos: “É importante manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns”.

⚙ Configurar cookies
0.15897703170776