Vilasantar promove o aproveitamento dos restos vexetais coa biotrituradora municipal

O Concello de Vilasantar continúa a apostar pola sostibilidade e a economía circular poñendo a disposición da veciñanza a biotrituradora do Punto Verde. Esta ferramenta permite transformar restos vexetais como podas, follas secas ou herba cortada en materiais útiles para o compost, o adubo ou mesmo como ornamento natural para os xardíns.
A iniciativa busca reducir o volume de residuos orgánicos e fomentar o seu aproveitamento no propio fogar, promovendo así prácticas máis respectuosas co medio ambiente. As persoas interesadas teñen tres opcións para facer uso deste servizo municipal:
- Levar os restos vexetais ao Punto Verde e trituralos no momento.
- Depositar os restos no Punto Verde para que o Concello lles dea uso.
- Solicitar en préstamo a biotrituradora para empregala na casa.
Con este servizo gratuíto, o Concello anima á veciñanza a participar activamente na xestión sostible dos seus residuos vexetais e a contribuír á creación dun entorno máis limpo e ecolóxico.