Vilasantar promove en Vilariño unha permuta de especial interese agrario como paso cara á concentración parcelaria

ACoruñaXa
O Concello e AGADER explican nunha xuntanza veciñal as vantaxes deste instrumento voluntario, que ofrece axudas de ata 3.000 euros en gastos notariais e 15.000 euros para acondicionamento de terras
VILASANTAR permuta
13 Nov 2025

O Concello de Vilasantar deu a coñecer á veciñanza de Vilariño a posibilidade de acollerse a unha permuta de especial interese agrario, unha fórmula que permite avanzar na concentración de fincas na parroquia mentres non se fai efectiva a concentración parcelaria solicitada polo Goberno local.

O alcalde, Fernando Fernández Pérez, presidiu unha reunión informativa no local social de Vilariño, na que estivo acompañado pola subdirectora de mobilidade de terras, Irene López Campos, e polo xefe da área de xestión de mobilidade de terras, Carlos Díaz Redondo, ambos representantes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Fernández Pérez lembrou que o seu equipo de Goberno xa pediu oficialmente a concentración parcelaria de Vilariño e que seguirá insistindo para que se materialice. Con todo, sinalou que, mentres non se dá ese paso, a permuta de especial interese agrario é unha alternativa vantaxosa para as persoas propietarias de fincas, ao facilitar a reorganización das parcelas.

O persoal técnico de AGADER presentou a permuta como unha ferramenta de mobilización de terras que permite a varios propietarios agrupar e intercambiar parcelas de forma voluntaria. Para exemplificalo, expuxeron casos de éxito xa desenvolvidos noutros concellos, como Friol e A Estrada, e detallaron os distintos modelos de permuta que se poden aplicar.

Unha vez que AGADER declara unha permuta de especial interese agrario, os propietarios poden acceder a axudas económicas específicas. Estas subvencións poden cubrir ata o 100% dos gastos notariais (cun máximo de 3.000 euros) e ata o 100% do asesoramento técnico e xurídico, ademais do acondicionamento dos terreos (cun límite de 15.000 euros).

O alcalde subliñou tamén que a adhesión ao proceso pode facerse por fases, de xeito que non é imprescindible que todas as persoas propietarias se sumen desde o inicio. Ao contrario, poden incorporarse progresivamente, xa que o prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 2 de novembro de 2026.

Fernández Pérez incidiu en que a aposta pola permuta non exclúe a concentración parcelaria, senón que pode contribuír a facela máis sinxela no futuro. Recordou que, no caso de parroquias con poucas explotacións gandeiras como Vilariño (que conta con catro), esta alternativa resulta especialmente interesante para gañar superficie útil e ordenar o territorio agrario.

⚙ Configurar cookies
0.064085006713867