Vilasantar organiza un retiro de ioga para celebrar o Día Internacional da disciplina milenaria

O Concello de Vilasantar acollerá unha actividade moi especial para conmemorar o Día Internacional do Ioga, que se celebra o vindeiro 21 de xuño. Trátase dun retiro de fin de semana organizado pola profesora de ioga municipal, que convida a toda a veciñanza a mergullarse nesta práctica ancestral nunha contorna natural e relaxante.
Durante o retiro, as persoas participantes poderán iniciarse ou afondar nas técnicas do ioga a través de prácticas físicas milenarias pensadas para coñecer e coidar o corpo. O programa tamén inclúe sesións de respiración consciente e meditación, cun enfoque centrado na conexión interior e o benestar emocional.
O encontro desenvolverase nunha cómoda casa rural, creando un espazo perfecto para compartir tempo, experiencias e aprendizaxes nun ambiente tranquilo e afastado da rutina cotiá. A actividade está aberta tanto a persoas que se queiran iniciar nesta disciplina como a aquelas que xa contan con experiencia.
Desde o Concello destacan que este tipo de iniciativas non só fomentan hábitos de vida saudables, senón que tamén contribúen ao crecemento persoal e ao equilibrio entre corpo e mente. Ademais, subliñan a importancia de celebrar o Día Internacional do Yoga como unha oportunidade para visibilizar os seus beneficios físicos e mentais. As persoas interesadas en participar poderán obter máis información a través das canles habituais do Concello.