Vilasantar impulsa unha saída cultural e de lecer para as persoas maiores de 60 anos

ACoruñaXa
Unha aposta por combater o sedentarismo e a soidade non desexada entre a poboación de máis idade
maiores-vilasantar
3 Jul 2025

O Concello de Vilasantar organizou unha nova excursión gratuíta destinada ás persoas maiores de 60 anos do municipio, dentro da súa aposta por combater o sedentarismo e a soidade non desexada entre a poboación de máis idade. Esta actividade forma parte da programación anual municipal centrada no benestar dos veciños e veciñas maiores.

Este ano, a viaxe levounos ata a Mariña lucense, cun percorrido que comezou no Concello de Ribadeo. Alí, acompañados polo alcalde, Fernando Fernández Pérez, os participantes realizaron unha visita guiada polo casco antigo, achegándose á historia, cultura e patrimonio da vila.

A continuación, trasladáronse á emblemática Praia das Catedrais, onde puideron pasear pola area e contemplar os espectaculares arcos naturais e cantís de lousa que caracterizan este paraíso costeiro.

Logo dunha parada para repoñer forzas cunha comida, o grupo visitou a parroquia de Rinlo, un fermoso pobo mariñeiro coñecido pola súa excelencia no marisco. Alí, unha guía especializada acompañou os excursionistas nun percorrido pola zona.

Para facilitar a participación, o Concello habilitou autobuses que recolleron aos maiores polas distintas parroquias e que, unha vez finalizada a excursión, devolveron a todos porta a porta aos seus fogares.

Con esta iniciativa, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa mellora da calidade de vida da poboación maior a través da promoción da actividade, o contacto coa cultura e o fortalecemento dos lazos sociais.

⚙ Configurar cookies
0.18752193450928