Vilasantar implementa un sistema de ozonización de auga en instalacións municipais

O Concello de Vilasantar instalou recentemente tres máquinas de ozonización de auga, dúas no CEIP de Présaras e unha na casa consistorial, co obxectivo de mellorar a hixiene das instalacións municipais e do colexio. Trátase do sistema AVATAR, desenvolvido por ECOFROG, que xera ozono de forma in situ na auga, permitindo a limpeza e desinfección das superficies e reducindo a necesidade de produtos químicos.
A auga ozonizada é un potente desinfectante natural que elimina de forma eficaz bacterias, virus, fungos e outros microorganismos patóxenos, sen deixar residuos tóxicos. A diferenza dos desinfectantes químicos, o ozono descompónse rapidamente en osíxeno logo do seu uso, o que evita a contaminación ambiental. Segundo Pedro Fernández, delegado comercial da provincia da Coruña de Augaplus, a empresa distribuidora destes dispositivos, "o xerador converte o osíxeno en ozono e disólveo na auga, o que permite usar esa auga durante un lapso de cinco horas sen necesidade de produtos adicionais de limpeza".
A auga ozonizada non só elimina a sucidade e desinfecta con eficacia calquera superficie non porosa, senón que tamén evita a contaminación derivada do almacenamento de auga, xa que se utiliza a auga corrente no momento de empregala. A súa aplicación contribúe a unha limpeza ecolóxica, reducindo o uso de produtos químicos e minimizando os plásticos dun só uso que acaban contaminando o medio ambiente.
Indican que ao prescindir dos produtos químicos de limpeza, o sistema de ozonización contribúe a evitar a contaminación das augas e reduce a xeración de microplásticos. Ademais, a súa implementación ofrece un aforro económico ao Concello e mellora a seguridade no traballo, ao eliminar a exposición a compoñentes tóxicos para as persoas operarias.
No CEIP de Présaras, tras dúas semanas de uso, a cociñeira Carmen destacou os beneficios do novo equipamento. Resaltou a súa sinxeleza, xa que só hai que premir un botón para poñelo en funcionamento. Tamén subliñou a súa eficacia, "limpa moi ben todas as superficies e non deixa marcas, nin sequera no aceiro inoxidable e cristais". Carmen tamén destacou a sensación de limpeza que deixa, "non ten o perfume típico dos produtos de limpeza, só huele a limpo".
"Con esta iniciativa, Vilasantar sitúase á vangarda na adopción de tecnoloxías sostibles, creando espazos máis saudables para a súa veciñanza e reducindo a pegada ecolóxica nos procesos de limpeza", afirmou Fernando Fernández Pérez, alcalde de Vilasantar.
O sistema de ozonización reforza a seguridade sanitaria do municipio, ao tempo que supón un aforro económico a medio e longo prazo, debido á diminución dos produtos químicos e os envases de un só uso. Coa adopción desta innovadora tecnoloxía, o Concello de Vilasantar reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e a innovación, demostrando que é posible garantir a hixiene sen prexudicar o equilibrio ambiental.