Vilasantar enche de cor e creatividade o seu concurso de disfraces do Entroido

O Concello de Vilasantar celebrou onte, 14 de febreiro, o seu concurso de disfraces do Entroido, unha cita que volveu converter o municipio nun escenario de imaxinación, música e moita ilusión.
A xornada estivo protagonizada pola alta participación e pola orixinalidade das propostas presentadas. Persoas de todas as idades sorprenderon ao público e ao xurado con traxes únicos e elaboradas coreografías, que fixeron as delicias dos asistentes. Desde caracterizacións tradicionais ata temáticas actuais, a creatividade foi a gran protagonista da tarde.
O Concello felicitou a todos os participantes polo esforzo e dedicación investidos na preparación dos disfraces, destacando o nivel e a implicación demostrada nesta edición. O ambiente festivo completouse cunha merenda na que non faltaron as tradicionais rosquillas de Entroido, que contribuíron a crear un espazo de convivencia e celebración compartida.
A administración local agradeceu a asistencia da veciñanza e animou a consultar a galería completa de imaxes do concurso, onde se recollen os mellores momentos da festa.