Vilasantar celebrará o Entroido 2025 cun concurso de disfraces

O Entroido chega ao Concello de Vilasantar onde haberá un concurso de disfraces cuxas bases xa están publicadas. O evento terá lugar o sábado 1 de marzo, no pavillón polideportivo de Présaras, a partir das 17.00 horas.
Os participantes no concurso dividiranse en dúas categorías; individual ou dúo e grupo ou
comparsa. A primeira repartirá tres premios. O primeiro, cunha contía de 100 euros; o segundo, de 50 euros; e o terceiro, cun importe de 25 euros. No tocante á categoría grupal, repartiranse tamén tres premios. O primeiro, de 200 euros; o segundo, de 100 euros; e o terceiro de 50 euros.
O xurado, composto por tres persoas, valorará aspectos como o vestiario, a maquillaxe, a orixinalidade, o traballo de elaboración, a posta en escena ou a interacción co público. As persoas que desexen participar deben inscribirse antes chamando ao 981 778 169 ou o mesmo día do concurso, no propio pavillón, entre as 16.00 e 16.30 horas.