Vilasantar busca fogares para 13 cachorros e chama á adopción responsable

O Concello de Vilasantar lanzou un chamamento á veciñanza para atopar familias que poidan adoptar de maneira responsable a 13 cachorros que están á procura dun fogar. Segundo informou o Concello, os animais teñen actualmente só un mes, polo que deben permanecer coa nai, como mínimo, ata os dous meses de idade, aínda que xa é posible facer reservas para a súa adopción.
A nai é unha mestiza de mastín, mentres que o pai é descoñecido. Desde o Concello sinalan que os cachorros están afeitos ao contacto con persoas, son ‘moi lindos’ e medrarán ata un tamaño grande.
A administración local indica que irá publicando máis imaxes dos cachorros de xeito individual e tamén o sexo de cada un para facilitar as adopcións. As persoas interesadas poden contactar no teléfono 660 771 931. O Concello pide, ademais, difusión da mensaxe para acelerar a procura de fogares.