Vilasantar aproba por unanimidade unha moción do BNG para defender o emprego e o futuro industrial do Grupo Losán

ACoruñaXa
A iniciativa alerta de atrasos nas nóminas e impagos en Losán e Aserpal e pide implicación da Xunta e do Goberno do Estado, ademais de chamar a participar na mobilización do xoves 15 ás 12.00 horas
VILASANTAR losan
12 Jan 2026

O pleno do Concello de Vilasantar aprobou por unanimidade unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) en defensa dos postos de traballo e da continuidade industrial do Grupo Losán en Galiza, unha compañía relevante no sector da madeira e con presenza na comarca a través da planta de Aserpal.

Durante a exposición da proposta, o grupo nacionalista advertiu da situación laboral que atravesan as empresas do grupo, con atrasos reiterados no cobro das nóminas, impagos das pagas extraordinarias e incumprimentos do convenio colectivo. Segundo trasladou o BNG, trátase dun problema que se vén prolongando desde hai máis de dous anos e que afecta a arredor de 200 persoas traballadoras en Galiza.

O portavoz nacionalista subliñou que unha eventual perda desta actividade industrial sería 'un golpe moi duro' para unha comarca que, ao seu xuízo, xa sofre unha carencia de oportunidades laborais estables. Ademais, lembrou que o Grupo Losán recibiu axudas públicas e reclamou que calquera respaldo institucional quede condicionado ao mantemento do emprego e ao cumprimento das obrigas laborais.

A moción aprobada insta á dirección da empresa a presentar unha saída empresarial 'seria e viábel' e solicita unha participación activa tanto da Xunta de Galiza como do Goberno do Estado para garantir a continuidade do proxecto industrial. Desde o BNG insistiron en que, malia non contar o Concello con competencias directas, si ten 'a responsabilidade política' de posicionarse e defender o emprego e a industria na comarca.

Por último, o BNG de Vilasantar chamou á veciñanza a asistir á manifestación convocada polos comités de empresa o xoves 15 ás 12.00 horas, cun percorrido previsto desde a fábrica de ASERPAL, en Vilasantar, ata a planta de LOSÁN en Curtis.

⚙ Configurar cookies
0.077892065048218