Vilas en Flor consolida na área da Coruña o modelo de vila máis verde e sostible

Máis de corenta municipios galegos de menos de 40.000 habitantes participaron no Fórum Carballo na gala anual de Vilas en Flor Galicia, un programa que recoñece con entre 1 e 5 Flores de Honra a xestión sostible dos espazos verdes, a educación ambiental e a implicación da veciñanza no coidado da contorna. Impulsada pola Fundación Juana de Vega xunto con ASVINOR e AGAEXAR, a iniciativa chega este ano á súa 8ª edición con 41 concellos adheridos das catro provincias galegas.
Na provincia da Coruña, seis concellos da contorna da Coruña e das Mariñas conseguiron ser integrados en Vilas en Flor e foron distinguidos de novo polos seus programas ambientais: Arteixo acadou 3 Flores de Honra, mentres que Abegondo, Curtis, Oza-Cesuras e Sada foron recoñecidos con 2 Flores de Honra, e Culleredo recibiu 1 Flor de Honra. Estas distincións valoran actuacións como a creación e mantemento de zonas verdes, a xestión eficiente da auga, a aposta por especies adaptadas e a integración da paisaxe nos usos cotidianos dos espazos públicos.
A gala, presidida polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, contou tamén coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, e do alcalde de Carballo, Daniel Pérez López. Durante o acto subliñouse que a paisaxe e os espazos compartidos son un factor clave de calidade de vida e que Vilas en Flor pretende espallar unha cultura de coidado e boa xestión do territorio desde os concellos rurais e de tamaño medio.