Vilarmaior programa un ‘danzacontos’ infantil para viaxar coa pinga Pingona e o Polbo Xan

A Casa da Cultura de Vilarmaior converterase este martes 30 de decembro, ás 17.00 horas, nun espazo para a imaxinación e o xogo en familia coa actividade ‘Danzacontos: A marabillosa viaxe da pinga Pingona’. A sesión, dirixida ao público infantil e familiar, terá unha duración aproximada de 50 minutos.
A proposta chega da man de Laura Martínez, que presenta un conto de elaboración propia no que a narración se combina co movemento e co traballo da lingua, buscando que a cativada participe dunha experiencia máis alá de escoitar unha historia. Ao longo do ‘danzacontos’, o público acompañará os personaxes pinga Pingona e Polbo Xan nun relato centrado na empatía, a escoita, a comprensión e a amizade.
A actividade tamén propón un percorrido simbólico por elementos do mar, o ceo e a terra, cun fío condutor arredor do ciclo da auga. O Concello anima ás familias a achegarse a esta cita cultural do Nadal, pensada para compartir e aprender a través do xogo e da emoción.