Vilarmaior programa o contacontos ‘Os Rizos de Lía’ na Casa da Cultura o 26 de decembro

O Concello de Vilarmaior suma unha nova actividade á axenda cultural do Nadal cun contacontos dirixido a crianzas e familias. Trátase de ‘Os Rizos de Lía’, unha historia centrada no empoderamento e na confianza nun mesmo, que lembra que ‘a verdadeira maxia reside no interior’.
A sesión celebrarase o venres 26 de decembro na Casa da Cultura de Vilarmaior, a partir das 16.00 horas, cun formato pensado para todos os públicos e especialmente para o público infantil.
O contacontos estará a cargo de Paty Lesta, cantante e intérprete con experiencia en diferentes proxectos escénicos e infantís. Segundo a información facilitada pola organización, Lesta participou en iniciativas como a obra de teatro ‘Cabaré Climático’ e tamén como cantante no programa de televisión ‘Malo Será’, ademais de levar anos teatralizando contos e incorporando música ás súas propostas para a rapazada.