Vilarmaior mellorará cinco camiños rurais co Plan Camiña Rural 2025-2026

ACoruñaXa
O proxecto, cunha achega pública de 69.515 euros, actuará en vías de Os Telleiros, O Cadaval, As Nogueiras, Folgoso e Vilacoba para facilitar o acceso ás explotacións agrarias
VILARMAIOR PLAN CAMIÑA RURAL
13 Dec 2025

O Concello de Vilarmaior executará nos vindeiros meses un proxecto de mellora de cinco camiños municipais ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026, dirixido a reforzar a rede viaria que dá servizo ao tecido agrario do municipio.

Baixo a denominación 'Mellora de camiños municipais 2025-2026', o concello conta cunha axuda pública de 69.515 euros, concedida ao abeiro da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se aprobaron as bases reguladoras das axudas do Plan Camiña Rural para o período 2025-2026 e se convocaron as correspondentes ao ano 2025.

As actuacións previstas inclúen a mellora do camiño de Os Telleiros a O Cadaval (AB-0941), o camiño de As Nogueiras, Montouto a O Patarelo (AB-0838), así como dous tramos do camiño da Aldea de Abaixo, en Folgoso (AB-1548, tramos A e B) e o camiño de O Coto, en Vilacoba (AB-1623). Nestes viarios realizaranse traballos de reforzo do firme, mellora da capa de rodadura e acondicionamento de marxes e drenaxes, co obxectivo de facilitar a circulación da veciñanza e da maquinaria agrícola en condicións de maior seguranza.

Desde o Goberno local sublíñase que estas intervencións responden ás demandas recollidas entre as persoas usuarias destes camiños e que resultan fundamentais para manter en bo estado as infraestruturas rurais, clave para a actividade económica e para a calidade de vida no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.076727151870728