Vilarmaior busca o apoio da Xunta para abastecer de auga a dúas parroquias

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse en Santiago de Compostela co alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, para abordar as necesidades do municipio en materia de abastecemento de auga. Durante o encontro, o rexedor trasladou a urxencia de ampliar este servizo básico ás parroquias de San Pedro de Grandal e Santa María de Doroña, que suman arredor de 500 habitantes.
A conselleira confirmou que o equipo técnico de Augas de Galicia está a analizar o proxecto presentado polo Concello. Unha vez completada esa revisión, estudarase a posibilidade de establecer mecanismos de colaboración que permitan facer realidade esta actuación.
Vázquez insistiu en que a Xunta mantén o seu compromiso con mellorar os servizos públicos nos concellos, especialmente os relacionados co abastecemento e saneamento, e destacou que o Goberno galego seguirá ofrecendo apoio tanto técnico como económico para facilitar que as administracións locais poidan cumprir con estas competencias.
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou que o orzamento de Augas de Galicia para 2025 medrará case un 5 %, ata acadar os 144 millóns de euros. Estes fondos permitirán avanzar na modernización das infraestruturas hídricas, reforzar a formación e sensibilización cidadá, e aplicar políticas activas fronte ao cambio climático.
Entre os principais obxectivos figura a redución da pegada hídrica e a optimización do uso da auga mediante investimentos nas redes de abastecemento e depuración, así como no deseño de mapas de risco climático, o apoio aos concellos ou a creación de corredores verdes que axuden a mitigar os efectos de asolagamentos.