Vilarmaior abre inscricións para o seu Campamento de Nadal na Casa da Cultura

O Concello de Vilarmaior oferta un novo ‘Campamento de Nadal’ dirixido a nenos e nenas de infantil e primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de ocio e conciliación durante as vacacións escolares.
O campamento desenvolverase na Casa da Cultura en varias xornadas repartidas entre finais de decembro e comezos de xaneiro. En concreto, celebrarase os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e tamén os días 2, 5 e 7 de xaneiro.
O horario xeral será de 9.30 a 14.00 horas, cun servizo de madrugadores dispoñible desde as 8.30 horas. Desde o Concello lembran que as prazas son limitadas, polo que recomendan formalizar a inscrición dentro do prazo establecido, que finaliza o 15/12/2025.
A cota de participación é de 20 euros. Ademais, as familias numerosas de categoría xeral contarán cunha bonificación do 50% do importe da taxa cando se inscriba máis dun irmán ou irmá dunha mesma unidade familiar en calquera das actividades.