Vilaboa acollerá o 25 de xaneiro o ‘II Aberto Lóstrego’ de xadrez con formato por equipos e individual

O Centro Social Cultural e Recreativo de Rutis en Vilaboa, Culleredo será escenario o domingo 25 de xaneiro de 2026 do ‘II Aberto Lóstrego de Vilaboa’, unha xornada completa de xadrez lóstrego (blitz) aberta a xogadores e xogadoras de todas as idades e niveis.
O torneo dividirase en dúas partes. Pola mañá disputarase a competición por equipos, con formacións de 4 taboleiros (ata 6 xogadores por equipo) e un máximo de 30 equipos inscritos. Pola tarde celebrarase o torneo individual, tamén aberto a todos os perfís.
Ambas probas xogaranse cun ritmo de 5’ + 3’’ e serán valedoiras para ELO FIDE Blitz. Como novidade desta edición, a organización anunciou premios ‘especiais’: 4 xamóns para o equipo campión e 1 xamón para o gañador individual.
As inscricións xa están abertas e poderán formalizarse ata o 24 de xaneiro, ou ata completar o aforo. As cotas son de 20 euros por equipo e, no individual, 10 euros a tarifa xeral e 5 euros para sub14, socios e alumnado do club. As persoas con título FIDE poderán participar de balde. As altas tramítanse a través do correo torneos.cexc@gmail.com.