Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle impulsa o envellecemento activo en Ordes con andaina, Pilates e ioga

ACoruñaXa
A Asociación de Concellos, coa colaboración da Deputación da Coruña, celebrou na antiga estación da Pontraga o terceiro obradoiro e anuncia novas citas en Oroso e Santiago
ORDES talleres via-verde
29 Sep 2025

A antiga estación da Pontraga acolleu este sábado o terceiro obradoiro de envellecemento activo impulsado pola Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle coa colaboración da Deputación da Coruña. A xornada reuniu persoas de diferentes idades nun plan que combinou unha andaina de arredor de 4 quilómetros polo trazado da Vía Verde cunha sesión práctica de Pilates e ioga ao aire libre. O obxectivo pasa por consolidar un lecer saudable que mesture actividade física, contacto coa natureza e técnicas de relaxación, ao tempo que se pon en valor o patrimonio natural e social asociado á Vía Verde.

A programación continuará os próximos sábados en horario de mañá, con 20 prazas por xornada e unha duración aproximada de 4 horas. As vindeiras citas serán o 4 de outubro en Oroso, entre a Estación da Garga e Trasmonte, e o 11 de outubro en Santiago de Compostela.

A iniciativa conta co apoio e a subvención da Deputación da Coruña, que vén respaldando as propostas promovidas pola Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Grazas a este impulso, a Vía Verde afórtase como un espazo de encontro, saúde e convivencia interxeracional para a veciñanza da contorna.

⚙ Configurar cookies
0.087530136108398