Veciños e Sada denuncian a proliferación do plumacho da Pampa e reclama actuacións municipais

A presenza do plumacho da Pampa volve espertar preocupación entre a veciñanza de Sada, que denuncia a falta de acción por parte da Administración local fronte á expansión desta especie invasora. En diferentes puntos do municipio —beirarrúas, zonas verdes e solares sen manter— pódese observar a proliferación desta planta, incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que alerta do seu impacto ambiental e da súa capacidade para desprazar especies autóctonas.
'¿Onde está a Administración? ¿Só temos obrigas os cidadáns mentres o Concello ignora un problema evidente?', expresan varios veciños, que critican a ausencia de medidas preventivas e lembran que as administracións teñen a obriga legal de erradicar ou controlar a especie. Denuncian tamén que, mentres noutras localidades galegas xa se puxeron en marcha plans de retirada e sensibilización, en Sada o plumacho segue medrando 'sen control e sen planificación'.
A planta, orixinaria de Sudamérica, considérase unha das invasoras máis agresivas do norte peninsular pola súa resistencia, rápida reprodución e capacidade para colonizar solos degradados. O Ministerio para a Transición Ecolóxica elaborou unha Estratexia nacional de control e posible erradicación da Cortaderia, que recomenda a eliminación manual ou mecánica dos exemplares, a retirada das inflorescencias antes da floración e a substitución por especies autóctonas.
Os veciños insisten en que é urxente que o Concello de Sada poña en marcha un plan local de limpeza e restauración ambiental, en coordinación coa Xunta de Galicia, e que impulse campañas informativas para evitar que particulares sigan plantando o plumacho en xardíns privados. 'Non se trata só dunha cuestión estética, senón dun problema ecolóxico serio que xa afecta ao noso patrimonio natural', advirten.