Veciños de Oleiros poderán ir de museo para visitar unha exposición de Luis Seoane

ACoruñaXa
Unha oportunidade para ver destacadas pezas pertencentes ao legado da institución Luis Seoane na Coruña
seoane-oleiros
1 Feb 2025

O vindeiro 14 de febreiro ás 18.00 horas, o Concello de Oleiros ten prevista unha visita guiada á exposición 'Luis Seoane Identidade, memoria histórica e movementos sociais' na Fundación Luis Seoane na cidade da Coruña.

Tras tres anos ausente por mor dos traballos de acondicionamento levados a cabo na súa Fundación, a obra de Luis Seoane protagoniza unha exposición que saca á luz destacadas pezas pertencentes ao legado da institución.

A mostra sitúa estas obras dentro de tres grandes bloques temáticos que poñen de manifesto diferentes aspectos do pensamento do artista galego, no que conviviron os postulados das vangardas europeas, a reivindicación da historia, tradicións e identidade galegas, a arte e a cultura americanos, o compromiso político e a incorporación de Galicia aos principios da modernidade.

A exposición comisariada por Silvia Longueira e María Antonia Pérez, distribúe unha serie de óleos, gravados, debuxos, produción editorial e outros soportes en dúas salas segundo os tres apartados aos que fai referencia o título: Identidade, Memoria Histórica e Movementos Sociais.

O Concello informa de que se ofertan 30 prazas para maiores de idade e as inscricións deberán efectuarse a partir do 4 de febreiro ás 10.00 horas na sede electrónica, no ámbito de cultura, o persoalmente na Fábrica, no departamento de Cultura, de 10.00 a 14.00 horas. A inscrición inclúe o desprazamento obrigatorio en autobús e a visita guiada no museo.

0.1765308380127