Varias parroquias de Carral afectadas por unha praga nos cultivos de pataca
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes 27 de febreiro a resolución pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga da couza guatamalteca da pataca.
Durante as prospeccións realizadas producíronse novas deteccións desta praga, que está a afectar a distintas parroquias do Concello de Carral. Este feito obriga a declarar as parroquias de Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo) como novas zonas infestadas.
Os agricultores destes lugares deberán presentar a documentación esixida na publicación do DOG nun prazo de 20 días hábiles, é dicir, do 28 de febreiro ao vindeiro 26 de marzo.
Por un lado, a declaración de existencias de pataca almacenada, que será retirada polos servizos oficiais para proceder á súa destrución por considerarse material contaminado. Os titulares deberán desinfectar o lugar de almacenamento. Por outro lado, a declaración de parcelas cultivadas, cuxas patacas deberán ser desenterradas e retiradas baixo control oficial.
Ademais, pasan a ser declaradas zonas tampón as parroquias de Beira (Santa Mariña), Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), ao tratarse de parroquias lindeiras coas zonas infestadas.
Os agricultores destas zonas deberán comunicar, con praza límite o 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca.
Desde o Concello de Carral póñense a disposición da veciñanza para resolver calquera dúbida ao respecto, podendo contactar directamente chamando ao 981 67 00 02 e preguntando polas áreas de Medio Ambiente e Medio Rural.