Vanessa Rial, xogadora de sóftbol do CBS Cambre, trasládase ao MDC Sharks Softball de Miami grazas a unha bolsa deportiva

ACoruñaXa
A xogadora terá a oportunidade de compaxinar os seus estudos en Ciencias do Deporte co adestramento e a competición no prestixioso club estadounidense
Imaxe das xogadoras do CBS Cambre
21 Ago 2024

A xogadora Vanessa Rial, do CBS Cambre, está a piques de comezar unha nova e emocionante etapa na súa carreira deportiva, tras ser seleccionada para unha bolsa que lle permitirá xogar no MDC Sharks Softball de Miami mentres realiza os seus estudos en Ciencias do Deporte nos Estados Unidos.

Con tan só 6 anos, Vanessa iniciaba o seu camiño no sóftbol no Club Leones de Oroso, onde deu os seus primeiros pasos neste deporte. Aos 18 anos, xa leva catro tempadas no CBS Cambre, equipo co que competiu durante os últimos dous anos na Liga Nacional División de Honra, alcanzando grandes éxitos, como a súa participación na 2ª edición da Catalunya International Softball Cup o pasado mes de xullo.

Hai apenas 15 días, Vanessa recibiu a gran noticia da súa selección para a bolsa deportiva que lle permitirá dar o salto ao sóftbol estadounidense, unha oportunidade única para seguir desenvolvendo o seu talento mentres completa a súa formación académica.

Onte, o Concello de Cambre celebrou unha emotiva despedida na que participaron o concelleiro de Deportes, David Saborido, xunto co presidente do Club Leones de Oroso, Franklin Salas, a representante do corpo técnico do CBS Cambre, María Fernanda Jóver, o presidente do club, Jhonny Pérez, e as compañeiras de equipo de Vanessa. Durante o acto, entregáronlle unha placa conmemorativa e un agasallo especial como recordo.

David Saborido desexoulle a Vanessa “o mellor dos éxitos nesta nova etapa, que estou seguro de que desfrutarás moito, xa que será unha oportunidade única na túa brillante carreira”. Nun ambiente cargado de emoción, o edil subliñou que “as bágoas das túas compañeiras, e as túas propias, amosan o amor que sentides por este deporte. Sodes un exemplo de traballo e dedicación, e aquí está a proba de que os vosos esforzos teñen recompensa”.

Visiblemente emocionada, Vanessa agradeceu a todas as persoas que a apoiaron ao longo do seu percorrido: “Sen vós nada sería como é, non teño ningunha dúbida. Vou botarvos moito de menos e sempre vos levarei comigo”.

Esta nova etapa nos Estados Unidos marca un punto de inflexión na carreira de Vanessa Rial, quen deixa Cambre coa certeza de que as portas do éxito están abertas e con grandes expectativas para o futuro.

0.20087504386902