Unha xornada aberta ao público pecha o Proxecto Londra tras as melloras nos ríos Bolaños e Bidueira en Arteixo

O Proxecto Londra baixou hoxe o pano en Arteixo cunha xornada participativa celebrada no centro municipal Arteixo Innovación, na que se deron a coñecer os resultados dun conxunto de actuacións orientadas á mellora ambiental do río Bolaños e do regato da Bidueira ao seu paso polo núcleo urbano.
No encontro, aberto ao público, explicáronse as intervencións realizadas da man dos redactores técnicos Alejandro Peña e José María Ruiz, da coordinadora municipal do proxecto, Carlota Pita, do concelleiro de Obras, José Manuel Caamaño, e do coordinador de planificación, Víctor Ramos.
As obras, desenvolvidas durante todo o ano 2025, puxeron o foco na redución do risco de inundacións e na recuperación dos cursos fluviais. Entre as actuacións principais figura a construción dun novo ponte sobre o Bolaños, unha obra civil concibida para aumentar a capacidade do leito e facilitar o paso. En paralelo, realizouse a retirada de obstáculos no Bolaños e no seu afluente, co obxectivo de ampliar a anchura e o fondo de ambos cauces para que poidan asumir un maior volume de auga nos episodios de choiva intensa. A intervención permitiu tamén mellorar a mobilidade na zona ao ensanchar o paso para vehículos e peóns.
O proxecto suma un investimento de 950.000 euros e conta cunha achega do 80 por cento con fondos europeos, tras a selección do concello nunha convocatoria de subvencións da Fundación Biodiversidad e do Ministerio para a Transición Ecolóxica centrada na restauración de ecosistemas fluviais e na mitigación do risco de enchentes en contornas urbanas.
Ademais das actuacións de obra, o Proxecto Londra incorporou un segundo bloque de carácter ambiental: a plantación de arborado e vexetación autóctona nas marxes. Segundo se indicou na xornada, o propósito é favorecer a recuperación da dinámica natural dos ríos e impulsar solucións baseadas na natureza, reforzando á vez os cauces como corredores ecolóxicos e a súa integración na infraestrutura verde municipal, cun paseo fluvial pensado para o uso veciñal.