Unha vintena de escolares do CEIP de Sada participou nun programa educativo sobre o consumo de produtos do mar

ACoruñaXa
A actividade tivo como obxectivo promover nos máis novos o consumo destos produtos e dar a coñecer o traballo da frota pesqueira da Confraría de Pescadores desta localidade
programa-capitan-mareas-sada
Actividade 'Capitán Mareas' en Sada
16 May 2025

O novo programa educativo de Vegalsa Eroski Capitán Mareas, en colaboración coa Consellería do Mar, recalou este xoves na lonxa de Sada para promover nos máis novos o consumo de produtos do mar e dar a coñecer o traballo da frota pesqueira da Confraría de Pescadores desta localidade.

O conselleiro deste departamento autonómico, Alfonso Villares, compartiu con 21 escolares do CEIP deste municipio a importancia de levar unha dieta equilibrada baseada na proteína que aporta o peixe e o marisco das rías de Galicia. Deste xeito, acompañado tamén de representantes do GALP Golfo Ártabro Sur, e baixo a aprendizaxe do chef de A Artesa da Moza Crecha, Lolo Mosteiro, Villares compartiu coa cativada o proceso de elaboración dunha receita de sardiña. Esta é a sexta parada de Capitán Mareas nas rulas galegas trala inauguración o pasado mes de abril en Burela. Nos vindeiros días desprazarase ata Baiona, Fisterra e Puerto de Vega.

⚙ Configurar cookies
0.15639400482178