Unha trintena de centros educativos participan na I Feira da Educación, Formación e Emprego da Coruña

ACoruñaXa
Agárdase que 3.500 alumnos pasen por EXPOCoruña durante a xornada deste xoves
feria-educativa-coruña
I Feira da Educación, Formación e Emprego da Coruña
15 May 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, xunto co director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo, visitou hoxe a I Feira da Educación, Formación e Emprego, impulsada polo seu departamento e a Cámara de Comercio da Coruña. O evento, que se celebra ao longo da xornada de hoxe en EXPOCoruña, reúne unha trintena de centros educativos que darán a coñecer a súa oferta e proxectos innovadores. Agárdase que visiten a feira 3.500 alumnos.

O obxectivo da cita, que se enmarca no calendario Galicia Educa, é dar a coñecer ao alumnado as opcións formativas que existen na nosa Comunidade, en particular na FP. Neste sentido o conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, lembrou que a Xunta ten en marcha o Plan FPGal 360 de orientación profesional integral, “unha estratexia para favorecer o desenvolvemento das vocacións dos máis novos ao tempo que se atalla o abandono escolar”. “Esta feira é unha oportunidade única para dar a coñecer ao alumnado todas as potencialidades a nivel formación e empregabilidade que ten a FP galega”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez quixo agradecer a colaboración da Cámara de Comercio da Coruña na organización deste evento. “Trátase dunha entidade moi implicada no impulso da FP, coa que desenvolvemos desde hai anos os programas Eduinspira e Eduindustria para promover o emprendemento entre o alumnado”, lembrou o conselleiro. Eduinspira foi incluso premiado pola Cámara de Comercio de España como a mellor iniciativa na categoría de Emprendemento.

Espazo expositivo

A FP ten un lugar destacado nesta feira, con representación de todas as familias profesionais da man de todos os centros integrados de FP e da meirande parte dos institutos que imparten estas ensinanzas nas comarcas da Coruña, Betanzos e Bergantiños. Así, amosan a súa actividade os CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, Imaxe e Son, Paseo das Pontes e Someso, todos da Coruña, e o Universidade Laboral (Culleredo). Tamén os institutos Agra do Orzán, A Sardiñeira, Fernando Wirtz Suárez, Plurilingüe Eusebio da Guarda, Ramón Menéndez Pidal e Urbano Lugrís, todos da cidade herculina, de Sabón (Arteixo), As Mariñas (Betanzos), Alfredo Brañas e Monte Neme (Carballo).

Nos espazos de cada centro o alumnado visitante pode coñecer de primeira man sectores como o audiovisual, para o que se reproduce a gravación dun programa de televisión; poñerse en forma coas actividades propostas polo centros que ofertan actividades físicas e deportivas; degustar os produtos elaborados polos centros de hostalaría, así como coñecer os ciclos sanitarios, de estética ou fabricación mecánica, entre moitos outros.

Tamén hai stands de 10 empresas colaboradoras coa FP, en concreto de Repsol, Arce Clima, El Corte Inglés, Gadisa, Grupo Malasa, Genesal, Grupo Atlante, Osmos, Pérez Rumbao e Leroy Merlín.

Ademais, na mostra participan os centros nos que se imparten o resto de ensinanzas profesionais como a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, a Escola oficial de Idiomas da Coruña ou o Conservatorio Superior de Música da cidade herculina.

A zona expositiva complétase con espazos de 12 centros de Educación Primaria e Secundaria que mostran a súa oferta formativa e os seus proxectos máis destacados, en concreto os colexios Emilio González López (Cambre), Plurilingüe Ría do Burgo (Culleredo), Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), Ntra. Sra. del Carmen (Fisterra), Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros) e Labarta Pose (Zas), así como o Centro de Educación Especial Nosa Señora De Lourdes–Aspronaga (A Coruña). No que atinxe aos institutos, participan os IES Plurilingüe Elviña (A Coruña), Pedra da Aguia (Camariñas), David Buján (Cambre), Agra de Raíces (Cee) e Miraflores (Oleiros).

Relatorios

A maiores, no espazo de auditorio desenvólvense diferentes relatorios nos que os asistentes teñen a oportunidade de afondar en temas como a FP Dual Intensiva, a intelixencia artificial ou o benestar emocional da man de representantes de empresas como Repsol ou Altia e de profesionais como Silvia Estévez, directora de Bienestar educativo da consultoría Sümaset, ou Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.

O programa complétase coas actuacións teatrais e musicais ofrecidas polo CEIP Labarta Pose, de Zas, e o Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Galicia Educa

A cita coruñesa, que permanece aberta en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas de hoxe, enmárcanse no novo calendario de feiras Galicia Educa, impulsado pola Xunta para dar visibilidade a estes eventos como ferramenta para mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado e amosar o bo traballo que desenvolven os centros educativos. Esta iniciativa engloba 17 feiras ao longo do curso escolar a nivel autonómico, provincial, comarcal e local.

⚙ Configurar cookies
0.17975401878357